
A Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro (Viveiro CCH) foi distinguida pola Xunta de Galicia cun dos Premios Extraordinarios do Comercio Galego 2026 grazas ao proxecto Viveiro conta e o seu comercio tamén, que se levará a cabo do 28 de setembro ó 10 de outubro cunha morea de actividades de dinamización comercial e cun gran sorteo final dunha viaxe a Nova York e 2.000 euros. “Este galardón supón un novo fito para a entidade que encadea dous anos consecutivos recibindo importantes recoñecementos autonómicos. O ano pasado acadaba o Premio Comercio Galego na categoría de Dinamización Comercial, e este ano o Premio Extraordinario consolida á asociación como un dos referentes do comercio de proximidade en Galicia”, explica Viveiro CCH, que engade: “o proxecto Viveiro conta e o seu comercio tamén naceu coa vocación de poñer en valor as historias, as persoas e o patrimonio humano que hai detrás dos establecementos comerciais da cidade, remarcar o valor do comercio local e todo o que pode aportar á nosa vila. A iniciativa busca reforzar o vínculo emocional entre a veciñanza e os negocios locais, destacando o comercio como parte fundamental da identidade de Viveiro e como un elemento clave para manter vivas as rúas, os barrios e a economía local”.
Dende o 28 de setembro ó 2 de outubro poranse en marcha: 50.000 rifas para o sorteo dunha viaxe a nova York e 2.000 euros en vales de compra, repartidos nun premio de 1.000 euros e dous de 500 euros. O sorteo será o sábado 10 de outubro ás 20 horas na Praza Maior cunha festa de final de campaña. “Nesta ocasión non serán os negocios os que repartan as rifas senón que se instalará a carpa da asociación tódolos dias na Praza Maior (agás os domingos) en horario de 11 a 13:30 e de 17 a 19:30 horas e por cada 5€ en tickets de compra de negocios asociados entregaremos una rifa para o sorteo”, indica a asociación, que ademais anuncia que “50.000 rasca e gaña que serán entregados directamente polos negocios asociados cas compras e consumicións destes dias, dos que 40.000 teñen premios directos, descontos en negocios dunha gran variedade de sectores, agasallos como xoias, complementos, tratamentos de beleza, paraugas, mandís, bolsas da compra, botellas, neveiras isotérmicas, cañas, cafés, tapas, pizzas, burguers, almorzos, e entre todo isto ...5 Rascas Dourados con 100€ cada un! Un guiño ós billetes dourados da película Charlie y la Fábrica de Chocolate”.
Tamén haberá en Viveiro Sábados de Vermuteo os días 3 e 10 de outubro con actividades na praza de Abastos e na Praza Maior e 2.000 premios directos.
Viveiro CCH destaca que é “unha súper campaña de dinamización comercial capaz de xerar impacto real sobre o comercio de proximidade e de reforzar o seu papel como motor económico e social. Mercar en Viveiro pode converterse nunha experiencia que non esquecerás. Cabe resaltar as colaboracións cós praceiros, ca Vivariense, co conservatorio de música, ca asociación saúde mental da Mariña, ca asociación deportiva San Roque, ca asociación Prato-Do dentro do seu programa Viveiro Sostible, e con Cines Viveiro. A unión de distintas asociacións, colectivos e sectores permiten crear sinerxias e facer que Viveiro Conte e o seu comercio tamén”.
O acto de presentación da campaña tivo lugar na sala multiusos do Concello de Viveiro e contou ca presencia de Carmen López, directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia; a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, membros da corporación municipal, representantes de distintas asociacións da comarca, medios de comunicación, así como os membros da directiva do CCHV e a xerente Isabel Méndez.


