O Centro Comercial Histórico de Viveiro pon en marcha a campaña Fóra Stock do 4 ao 6 de marzo.

O Centro Comercial Histórico de Viveiro anuncia que “dende o xoves día 4 ata o sábado 6 de marzo serán 36 negocios participantes os que liquidarán todo o stock de temporada cuns descontos incribles, chegando ata o 70% nalgúns casos. Trátase de converter o final de tempada de rebaixas nunha feira de stock, pero dentro de cada local, e que a fin de semana sexa unha festa de compras con fantásticos descontos en miles de artigos. Aproveitando que Viveiro está nun nivel 3 das restricións Covid, coa hostalaría de novo aberta, esperamos que os clientes doutras localidades da comarca se animen a visitar Viveiro esta fin de semana, pasear polo casco antigo, mercar con fantásticos descontos e gozar dun café nunha terraza da hostalaría, que tanto botamos de menos estas semanas que estivo pechada. Iso si, sempre con sentidiño e respectando as normas”.

A organización engade que “a gran variedade de tendas que se suman a este tipo de campañas fan que sexan todo un éxito de afluencia de clientes. Participan locais de moda, calzado, complementos, infantil, deportes, lencería, xoias, mobles, decoración, artigos para o fogar, óptica e telefonía. Os locais participantes estarán identificados con rechamantes carteis de cor vermello co nome da campaña. Deste xeito para o cliente é moi sinxelo identificar aqueles locais nos que poderá gozar da liquidación de stocks. Tratase de ofrecer ó cliente os mellores descontos en artigos de primeiras marcas, coa mellor calidade, sen ter que desprazarse, mercando no comercio local, que ofrece un trato persoal e profesional”.