O Centro Comercial Histórico de Viveiro pon en marcha a “Ruta Gastronómica de Países do Mundo” os días 8 e 9 de maio en sete establecementos

Viveiro acollerá o venres 8 e o sábado 9 de maio a primeira edición da Ruta Gastronómica de Países do Mundo, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Comerciantes do Centro Histórico “co obxectivo de dinamizar a actividade comercial e hostaleira da vila, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia culinaria diferente e atractiva. Nesta edición participarán 7 locais, que elaborarán tapas inspiradas en distintas gastronomías internacionais, permitindo aos asistentes realizar una viaxe gastronómica sen saír de Viveiro”.

Os participantes e as súas propostas son: Cornelius, con Pad thai, de Tailandia; Bar A Zapatería, con Shawarma, de Turquía; Casa Pepi, con Papa rellena con salsa criolla, de Perú; Muro Restaurante, con Chambre de Guandules, de República Dominicana; La Tortilla Maravilla, con Tortilla de Bacalao, de España; Mesón O Recuncho, con Pollo tikka masala, de India; e Mesón A Ría, con Matahambre, de Argentina.

O CCHV explica que “as tapas poderanse degustar tanto a mediodía como pola noite, a un prezo de 3,5 euros. Como parte da actividade, os clientes poderán participar no sorteo dunha cesta de produtos internacionais. Para optar ó premio deberán completar un pasaporte gastronómico, dispoñible nos locais participantes, no que recibirán un selo por cada tapa consumida. A iniciativa busca fomentar o consumo nos establecementos de hostalaría local, incentivar a participación dos clientes e promover a diversidade cultural a través da gastronomía”.  

Dende a organización anímase á veciñanza e visitantes a achegarse ó centro histórico durante estas xornadas e “desfrutar dunha proposta única que combina sabor, ocio e comercio de proximidade”.

Pódese consultar toda a información e as bases na web www.viveirocentro.com ou na App ViveiroCCH.