O Centro de Emprendemento do Concello de Cervo incorpora “Aira”, un novo espazo creativo e familiar

O Centro de Emprendemento do Concello de Cervo, situado no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, continúa ampliando a súa actividade coa incorporación dunha nova iniciativa empresarial. Trátase de Aira, un proxecto creativo, artesanal e familiar que ocupará o local número 1 das instalacións municipais e que “nace coa vontade de converterse nun punto de encontro para a creatividade, a aprendizaxe e o tempo compartido en familia”.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, asinou a cesión de uso do local coa promotora do proxecto, Tatiana Fraga Fernández, á que deu a benvida ao Centro de Emprendemento e desexou moita sorte nesta nova etapa.

O Concello de Cervo explica que Aira “ofrecerá unha combinación de talleres, actividades creativas e culturais, produtos artesanais e servizos personalizados, con propostas dirixidas especialmente a bebés, nenos e nenas, familias e persoas adultas. O proxecto busca dar resposta á falta de espazos na comarca nos que as familias poidan crear, aprender e compartir tempo de calidade nunha contorna acolledora e inspiradora. Entre as propostas previstas figuran talleres temáticos ao longo do ano, actividades familiares, contacontos e obradoiros para grupos e celebracións privadas, así como decoración personalizada. A iniciativa tamén elaborará produtos artesanais propios, como piñatas personalizadas, xoguetes artesanais e diferentes detalles e elementos decorativos feitos a man. O local contará con dúas zonas diferenciadas: unha área de taller, na que se desenvolverán as actividades creativas e artesanais, e unha zona de exposición e venda, onde se ofrecerán os produtos elaborados por Aira, así como pezas doutros artesáns locais e colaboradores, contribuíndo á creación dunha rede de colaboración arredor da artesanía. O proxecto presta ademais unha especial atención ás primeiras etapas da crianza e contempla propostas específicas para bebés, infancia e familias, así como actividades adaptadas ás diferentes idades e necesidades. Entre os seus obxectivos está tamén favorecer a inclusión, a participación comunitaria e a creación dun espazo seguro e acolledor”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que a incorporación de Aira “supón unha nova oportunidade para seguir dando vida ao Centro de Emprendemento de Sargadelos e para apoiar ás persoas que deciden apostar por desenvolver aquí os seus proxectos. Desde o Concello queremos que este espazo sexa un verdadeiro motor de emprendemento, actividade económica e dinamización social e cultural, e iniciativas como Aira demostran que Sargadelos é tamén un lugar no que poden xurdir proxectos innovadores, creativos e con futuro. É especialmente interesante que esta proposta estea vinculada ás familias, á infancia, á artesanía e á identidade do territorio, porque encaixa perfectamente cos valores de Sargadelos e contribúe a poñer en valor o noso patrimonio desde unha perspectiva contemporánea”, engadiu.

Aira nace, segundo avanzan, “coa intención de combinar tradición artesanal, creatividade, educación e comunidade, aproveitando o carácter singular do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos. A súa actividade pretende contribuír á dinamización social, cultural e económica da contorna, ao tempo que promove o feito a man, o consumo responsable e o uso de materiais sostibles e de proximidade”. 

Con esta nova incorporación, o Centro de Emprendemento do Concello de Cervo “continúa consolidándose como un espazo dinámico e diverso, no que diferentes iniciativas empresariais conviven nunha contorna de gran valor histórico, cultural e turístico, combinando tradición, innovación, artesanía e novas formas de emprendemento”.