O Cine na Rúa do Concello de Ribadeo chegará o 23 de agosto a Vilaselán, o 24 a Vilaframil e o 25 a Cedofeita

Éxito do Cine na Rúa, que deu comezo en Rinlo e en Ribadeo esta semana. As proxeccións, organizadas polo Concello, seguirán por varias parroquias ao longo dos vindeiros días. 

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “como todos os veráns o cine sae da sala á rúa. Pero este ano especialmente, sae da sala ás parroquias, para gozar das marabillosas noites de verán que estamos a ter”. 

A edil ribadense explicou que “esta semana puidemos ver cine en Rinlo e no Campo de San Francisco e hoxe martes será no Círculo Habanero da Devesa. O sábado 23 teremos proxección en Vilaselán, o 24 en Vilaframil e o 25 en Cedofeita, en todos os casos ás dez da noite”. 

Sanjurjo dixo que “as películas son para todos os públicos. É unha actividade a desenvolver na compaña da familia e a veciñanza, podemos degustar unhas palomitas e pasar unha agradable velada. Animádevos. Vémonos no Cine na Rúa”.