O Colectivo Pensamento e Sementeira homenaxeará ao músico Hernán Naval o 15 de maio en Viveiro polo 25 aniversario do seu pasamento

O venres 15 de maio a partir das 20:00 horas o Colectivo Pensamento e Sementeira realizará no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, unha homenaxe a Hernán Naval polo 25 aniversario do seu pasamento, en colaboración coa Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo.

Pensamento e Sementeira explica que “moita xente coñece a Hernán pola súa faceta como músico, pero o seu traballo foi moito máis amplo. Estivo moi implicado no tecido asociativo da vila, defendendo sempre a cultura galega desde o compromiso e o traballo colectivo. Foi presidente da Asociación Cultural Sementeira, unha entidade fundamental para dinamizar a vida cultural do pobo. Desde Pensamento e Sementeira queremos renderlle homenaxe lembrando todo ese labor, porque a cultura que temos hoxe tamén se constrúe sobre o que persoas como el deixaron feito. Neste día contaremos coas intervencións de Francisco Luís R. Guerreiro e Carlos Nuevo, ademais das actuacións musicais de David Bellas, o Grupo de Cámara do Conservatorio de Viveiro e o Sexteto Vocal SondeNós”.