
O Concello de Barreiros desenvolverá, entre os meses de novembro de 2026 e xuño de 2027, un programa de actividades de dinamización comunitaria nas distintas parroquias do municipio a través do obradoiro de emprego Máis Talento, que actualmente desenvolve a súa labor nos concellos de Barreiros e Ribadeo.
A oferta de talleres “é variada e está pensada para dar resposta aos intereses e necesidades de cada comunidade. Englobaranse tres grandes liñas de traballo: talleres de manualidades e artesanía, que incluirán modelado e pintura en cerámica, pintura en lenzo, elaboración de xabóns e candeas artesanais, entre outras propostas; talleres de risoterapia orientados ao benestar e á conexión social; e talleres de memoria oral baixo o título “Tesouros vivos”, centrados na recompilación de tradicións, testemuños e encontros interxeracionais para preservar a historia local”, explica o Concello de Barreiros, que ademais destaca que “todas as actividades serán de balde para as persoas participantes e realizaranse en horario de mañá nos locais municipais das distintas parroquias”.
Para facilitar a organización, o Concello de Barreiros enviou a información aos colectivos asociativos das distintas parroquias (asociacións de veciños e culturais) “para que sexan estas as que trasladen o interese en participar e conformen un grupo no local municipal da súa parroquia. Para poder pór en marcha un taller será necesario reunir un mínimo de oito persoas (sexan ou non desa parroquia)”.
As asociacións interesadas deberán poñerse en contacto coa área de Dinamización e Participación Veciñal do Concello de Barreiros antes do 6 de novembro a través do correo electrónico dinamizacion@concellodebarreiros.gal.


