O Concello de Cervo abre o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais para a nova tempada

O Concello de Cervo abre este mércores, día 9 de setembro, o prazo de inscrición para a nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, “unha programación deseñada para achegar a práctica deportiva a diferentes idades e fomentar hábitos de vida activos e saudables”.

A proposta deportiva municipal inclúe diferentes modalidades dirixidas tanto ás crianzas como ás persoas adultas. No caso das escolas deportivas infantís ofertaranse actividades de ximnasia rítmica, multideporte, patinaxe, balonmán e voleibol. Pola súa banda as escolas deportivas de adultos contarán con fit-dance, pilates, corpo activo e ioga.

As fichas de inscrición poderán recollerse e entregarse presencialmente no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura. O criterio de admisión establecerase segundo a orde de entrega da documentación, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Cervo.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presentou a nova programación acompañada por parte dos monitores e monitoras que serán os encargados de impartir as diferentes disciplinas ao longo da tempada. A rexedora destacou: “desde o Concello de Cervo seguimos apostando por unha programación deportiva ampla, variada e accesible para todos os públicos. Queremos que as nosas crianzas, a mocidade e tamén as persoas adultas atopen nas Escolas Deportivas Municipais unha oportunidade para practicar deporte, coidarse e, ao mesmo tempo, compartir tempo e experiencias con outras persoas da nosa veciñanza”.

García Caramés puxo tamén en valor o traballo dos profesionais que estarán á fronte das actividades: “Contamos con monitores e monitoras con experiencia e implicación, que serán unha peza fundamental para que cada actividade se desenvolva da mellor maneira e para que as persoas participantes desfruten do deporte nun ambiente próximo, dinámico e seguro”.

Desde o Concello de Cervo destacan “a variedade da oferta e a posibilidade de atopar actividades adaptadas a diferentes idades, intereses e niveis e animan á veciñanza a aproveitar esta nova tempada das Escolas Deportivas Municipais e a incorporar a práctica deportiva á rutina diaria como unha ferramenta de benestar físico, saúde, convivencia e integración”.