O Concello de Cervo apoia a práctica do xadrez coa posta en marcha de clases os mércores

O Concello de Cervo colabora co Club Xadrez San Roque, de Viveiro, na organización de clases de xadrez que se desenvolverán os mércores, de 16:45 a 18:00 horas, na Casa do Mar.

A presentación da actividade correu a cargo da alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada por Aitor López, presidente do Club Xadrez San Roque e mestre desta disciplina, que será o encargado de dirixir as clases.

O Concello de Cervo explica que esta iniciativa “ofrece ás nenas e nenos do municipio a oportunidade de achegarse ao xadrez, aprender e mellorar as súas habilidades nunha actividade que fomenta a concentración, a memoria, a paciencia, o razoamento lóxico e a toma de decisións”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de apoiar propostas deportivas e de lecer dirixidas á infancia e á mocidade: “o xadrez é unha actividade moi completa, que axuda a desenvolver diferentes capacidades mentres as crianzas aprenden, comparten experiencias e se divirten. Desde o Concello queremos colaborar con iniciativas deste tipo e facilitar que teñan acceso a distintas alternativas deportivas e educativas”.

A rexedora lembrou tamén “a boa acollida que tivo o xadrez durante o programa municipal Enredando no verán, unha experiencia que puxo de manifesto o interese das crianzas por esta disciplina”.

As persoas interesadas poden formalizar a inscrición na Casa da Cultura ou a través do teléfono 672.77.25.08.