O Concello de Cervo instalará unha pantalla xigante na Praza dos Campos para seguir este domingo, 19 de xullo, a final do Mundial de fútbol

O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza “a vivir con intensidade a gran final do Mundial de fútbol, que se disputará este domingo, nun ambiente festivo e de convivencia na Praza dos Campos. Para a ocasión, instalarase unha pantalla xigante na que se poderá seguir en directo o encontro, convertendo este espazo nun punto de encontro para todas aquelas persoas que queiran animar á nosa selección neste decisivo partido fronte a Arxentina”.

A programación comezará ás 18:00 horas con animación musical, á que se sumarán diferentes actividades para todos os públicos, entre elas un pintacaras e un photomatón, “creando así un ambiente festivo antes do inicio do partido”.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, anima á veciñanza a participar nesta cita: “queremos que a Praza dos Campos sexa o gran punto de encontro para vivir unha xornada inesquecible. Agardamos que moitas familias, mozos e maiores se acheguen para gozar xuntos deste gran acontecemento deportivo, nun ambiente de festa, ilusión e convivencia”.

A rexedora engade: “desde Cervo queremos enviarlle toda a nosa forza e o noso apoio á selección española neste encontro decisivo contra Arxentina. Agardamos que entre todos poidamos empuxar desde a distancia e celebrar un novo éxito do noso fútbol”.

O Concello de Cervo tamén explica que “co obxectivo de garantir que a xornada se desenvolva con total normalidade e seguridade, establecerase un control dos accesos ao recinto. Non se permitirá o acceso con bebidas alcohólicas procedentes do exterior, co fin de evitar o consumo non autorizado e favorecer o consumo nos establecementos de hostalaría da contorna. As bebidas adquiridas nos locais da zona ou nos puntos de venda autorizados poderán consumirse no recinto do evento”.

Desde o Concello de Cervo anímase a toda a veciñanza “a vestir as cores da selección e a achegarse á Praza dos Campos para desfrutar dunha tarde chea de música, animación e emoción, confiando en que España poida proclamarse campioa do mundo”.