
O Concello de Cervo presentou este mércores a actividade Cervo en Rosa, coa que conmemorará o vindeiro domingo, día 19 de outubro, o Día Mundial contra o Cancro de Mama. A cita central será unha andaina solidaria, que partirá ás 11:00 horas do Peirao de San Ciprián, aberta a toda a poboación que desexe sumarse.
Na presentación estiveron a alcaldesa, Dolores García Caramés, a concelleira Mali Méndez e representantes das diferentes asociacións de mulleres do municipio -Mulleres de San Ciprián, Alborada, As Espalladoras e Mulleres en Igualdade-, que colaborarán activamente na organización da xornada.
A actividade pretende “visibilizar a loita contra o cancro de mama e fomentar a participación cidadá como mostra de apoio ás persoas afectadas e ás súas familias. Como broche final plantaranse flores rosas no Parque Reina Sofía, nun xesto simbólico que representará a esperanza, a forza e a unión da sociedade cervense fronte á enfermidade”.
O Concello de Cervo agradece “a implicación das asociacións e da veciñanza e sublíñase a importancia da prevención, da investigación e do apoio mutuo na loita contra o cancro de mama”.