O Concello de Foz reparte entre os veciños 3.000 lentes homologadas para ver a eclipse de sol do 12 de agosto

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia que o Concello repartirá entre as veciñas e veciños nos próximos días 3.000 lentes homologadas para ver a eclipse de sol do día 12 de agosto, así como dípticos informativos, financiados con cargo a fondos propios e da Deputación de Lugo.

As gafas serán repartidas no casco urbano e tamén nas parroquias, a través das distintas asociacións. Esta fin de semana entregáronse á Asociación Deportiva San Xulián de Nois e nos vindeiros días serán repartidas ao resto. Así mesmo está planificada unha xornada de reparto este martes, día 4 de xullo, pola mañá a partir das 10.30 horas na Praza Conde de Fontao, aproveitando o mercado semanal. As lentes sobrantes estarán a disposición da veciñanza na Casa do Concello.

“O 29 de xuño, grazas á Deputación de Lugo, desfrutamos no Cenima dunha charla informativa moi interesante, na que aprendemos que non debemos mirar directamente ao sol sen a protección adecuada, xa que podemos causar dano á nosa retina. Por iso iniciamos este reparto, que quixemos estender a todo o Concello. Ademais nas ópticas locais hai dispoñibles para a venda lentes de protección, para que poidamos desfrutar dun evento único con seguridade”, indica o alcalde, que engade: “para o 12 de agosto o Concello de Foz reforzou o servizo de Policía Local e quedan excluídos como puntos de observación sen posibilidade de acceso os enclaves arqueolóxicos da Frouseira e do Castro de Fazouro, pola protección patrimonial e a orografía”.

Fran Cajoto explica tamén que “o día 12 entorno ás 20.27 horas terá lugar a eclipse total de sol, que no caso de Foz durará un minuto e 48 segundos. No casco urbano quizais a mellor opción sexa achegarse con tempo camiñando ao paseo marítimo entre a Rapadoira e a Pampillosa e agardar polo acontecemento. Pido precaución e non correr riscos. Estamos a falar dun evento único, que pasa só unha vez cada 100 anos”.