O Concello de Mondoñedo pon en marcha a campaña de visitas guiadas á cova do Rei Cintolo

O Concello de Mondoñedo, coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía, pon en marcha a campaña de visitas guiadas á cova do Rei Cintolo na campaña 2026.

Hai visitas de fin de semana: venres, sábados e domingos. En canto aos horarios, haberá un grupo pola mañá (ás 11 horas) e outro pola tarde (ás 16 horas). Esta oferta ampliarase durante a Semana Santa, na que se ofrecerán visitas todos os días. Pasada a Semana Santa as visitas serán en fins de semana e festivos ata o verán, no que xa haberá todos os días da semana e engadirase un grupo horario máis na oferta, ás 18:30 horas, anuncia o Concello de Mondoñedo, que engade: “as visitas turísticas lévanse a cabo na galería centra da cova, cun percorrido de 300 metros e unha duración de 1 hora e 15 minutos aproximadamente. Para realizar a visita pídese unha forma física normal, isto é non ter problemas de mobilidade, lesións ou cardiorespiratorios”.

A reserva ten que facerse de forma previa na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982.50.71.77, ou a través do seu correo electrónico: turismo@concellomondonedo.es. A idade mínima para entrar na cavidade é de  11 anos e o prezo da visita é de 20 euros por persoa.

En canto á preparación para a visita, o Concello de Mondoñedo explica que “é obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase roupa que non importe manchar así como unha muda para despois da visita”.

O Concello proporcionará casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.

Ademais “no presente ano, tras a boa acollida dos anos anteriores, continúa aumentado a oferta da segunda modalidade de visitas á Cova, a Visita á Zona do Río. Un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as visitas poderanse facer baixo demanda, calquera día da semana, previa reserva coa Oficina de turismo, a través do número 982.50.71.77, ou a través do seu e-mail: turismo@concellomondonedo.es. A idade mínima para poder facer esta visita, de maior dificultade, é de 18 anos e o custo para este percorrido espeleolóxico de maior duración é de 40 euros por persoa”.