O Concello de Ribadeo retoma en marzo as charlas sobre saúde dentro do programa Preto de ti

A Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia retoma no mes de marzo as charlas informativas sobre saúde baixo o título Colesterol e Saúde Cardiovascular, unha iniciativa enmarcada no programa municipal Preto de ti, que achega actividades e servizos ás diferentes parroquias do municipio de Ribadeo.

As sesións desenvolveranse nas escolas das distintas parroquias nas seguintes datas e horarios: Vilaselán, o 10/03/26 ás 18:00 horas; Ribadeo, o 11/03/26 ás 18:00; Cedofeita, o 12/03/26 ás 16:15 horas; A Devesa, o 17/03/26 ás 10:00; Arante, o 17/03/26 ás 16:30 horas; Cinxe, o 23/03/26 ás 16:15; e Rinlo, o 24/03/26 ás 16:15 horas.

A concelleira Elena Sierra explica que “durante estas charlas abordaranse cuestións fundamentais para o coidado da saúde cardiovascular, como a alimentación axeitada, os factores de risco, a importancia dos controis rutineiros, os sinais de alarma aos que debemos prestar atención e consellos prácticos para aplicar no día a día”. A enfermeira María Roel sinala que “o obxectivo é ofrecer información clara e útil que axude á veciñanza a reflexionar sobre os seus hábitos e a incorporar cambios saudables na súa vida cotiá”.

Elena Sierra manifesta que “é fundamental coidarse e contar con información rigorosa e accesible para poder achegar valor á nosa saúde no día a día, que é precisamente onde se empeza a previr”. Ademais anima á veciñanza a participar nestas sesións, pensadas como espazos de encontro, aprendizaxe e resolución de dúbidas.

O Concello continúa así coa súa “aposta pola promoción da saúde e pola prevención, levando recursos ás parroquias para estar, unha vez máis, preto da xente”.