
O Concello de Trabada inicia este martes, día 20 de outubro, as actividades do Programa Municipal de Orientación e Acompañamento a Familias para o curso 2026/2027. A primeira sesión levará por título Sácalle partido ao teu estudo e estará centrada en ofrecer orientación e ferramentas prácticas ás familias para acompañar os seus fillos e fillas no proceso educativo e favorecer o seu rendemento escolar. A charla terá lugar ás 16:30 horas na Casa da Cultura de Trabada e será impartida por Carolina García Chico, pedagoga especialista de Educando en Familia, entidade encargada de desenvolver o programa.
Durante a sesión “abordaranse diferentes pautas para axudar aos nenos e nenas a aproveitar mellor o tempo de estudo, favorecendo a adquisición de hábitos e estratexias que contribúan ao seu proceso de aprendizaxe”, explica o Concello de Trabada, que engade: “esta actividade forma parte dunha programación municipal que contempla catro encontros ao longo do curso 2026/2027, nos que se tratarán diferentes cuestións relacionadas coa educación, a convivencia familiar e o acompañamento durante a infancia. O programa responde á importancia de ofrecer ás familias espazos de orientación nos que poidan adquirir recursos prácticos, compartir inquietudes e abordar situacións habituais relacionadas coa educación dos seus fillos e fillas”.
Tras esta primeira charla, a seguinte cita terá lugar o 1 de decembro, cun Espazo de Orientación a Familias dedicado á educación en positivo.
Xa en 2027, o 30 de marzo celebrarase a charla Educamos a atención, centrada en ofrecer pautas para estimular a atención na casa, mentres que o 31 de maio terá lugar un novo Espazo de Orientación a Familias baixo o título Nenos e nenas con moito carácter.
Todas as sesións desenvolveranse ás 16:30 horas na Casa da Cultura de Trabada.
O Programa Municipal de Orientación e Acompañamento a Familias está promovido e financiado polo Concello de Trabada e será desenvolvido por Educando en Familia.


