O Concello de Trabada organiza un curso de manipulador de produtos fitosanitarios do 15 ao 20 de setembro

O Concello de Trabada, en colaboración con ARA Formación, pon en marcha un curso de manipulador de produtos fitosanitarios de 25 horas e nivel básico, que se desenvolverá entre o 15 e o 20 de setembro de 16:00 a 21:00 horas. A formación será de carácter presencial e ten un custo de 90 euros por persoa.

As persoas interesadas dispoñen de prazo para inscribirse ata o 5 de setembro, podendo facelo a través dos teléfonos 886.203.763 / 698.190.633 ou ben mediante correo electrónico en vera@araformacion.es ou conchi@araformacion.es.

O Concello de Trabada explica que “este curso está especialmente dirixido a todas aquelas persoas que precisen obter a certificación oficial para o uso seguro de produtos fitosanitarios, un requisito cada vez máis demandado no sector agrícola e forestal”.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de contar con este tipo de formación no concello: “animamos a participar neste curso, que supón unha oportunidade para mellorar a cualificación profesional e cumprir coa normativa vixente. Apostamos por traer este tipo de accións formativas porque entendemos que supoñen un beneficio directo para a nosa veciñanza e para o desenvolvemento económico do noso territorio.”

Con esta iniciativa o Concello de Trabada “reafirma o seu compromiso coa formación continua e o apoio ao sector primario, fundamental na nosa comarca”.