O Concello de Viveiro ofrece en febreiro cursos presenciais gratuítos na Aula CeMIT para mellorar as competencias dixitais

O Concello de Viveiro, a través da plataforma YOCONECTO.org e a Fundación Cibervoluntarios, ofrece en febreiro novos cursos presenciais e gratuítos na Aula CeMIT para axudarche a sacarlle o máximo partido á tecnoloxía. Todos os cursos inclúen certificación oficial.

A oferta formativa para febreiro é a seguinte: O teu currículo dixital, para aprender a crear portafolios e mellorar a presenza online para buscar emprego, que será os luns 16 e 23 de febreiro de 09:00 a 14:00 horas; Seguridade: Protexe o teu mundo dixital, para aprender a identificar ameazas e navegar por internet de forma segura e responsable, que será os días 17, 19, 24 e 26 de febreiro de 10:00 a 13:00 horas; e Apps útiles para xestionar trámites en internet, para sacar partido ao móbil para acceder a sedes electrónicas e realizar trámites oficiais, que será os días 18, 20, 25 e 27 de febreiro de 10:00 a 13:00 horas.

Estes cursos desenvolveranse na Aula CeMIT de Viveiro, que está na Avenida de Cervantes, s/n.