O festival de música electrónica Ether celébrase en Viveiro os días 17 e 18 de xullo

A Vicepresidencia da Deputación anuncia que colabora co festival de música electrónica Ether, que converte Viveiro en punto de encontro da escena electrónica galega. O deputado provincial de Mocidade, Daniel García participou na presentación do evento, que se celebra este venres e sábado, días 17 e 18 de xullo, en Viveiro e que conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ademais doutras colaboracións públicas e privadas.

“O festival reafirma a súa aposta no talento galego, cunha decena de artistas de distintas localidades do país no cartel - CERTAIN, DJ Swisherman, Weisheit, Mascarell, Isma B,  LKina, Alex Vigo, Tesaa , DJ Pergo e Karras Martínez-, xunto a outros nomes consolidados no circuíto internacional: Adriana Lopez (Colombia), Deetron (Suíza), Grade Dahl  (Ámsterdam), Jen Cruz, Rage e Buenri(Barcelona) e DJ Pepo (Madrid)”, destaca a Vicepresidencia da Deputación.

Daniel García salientou “a traxectoria do festival que se está a consolidar como punto de encontro da escena electrónica galega cunha proposta musical á altura dunha cidade europea” e valorou “o espazo para artistas de Galiza. Desde Vicepresidencia da Deputación entendemos o apoio aos festivais como unha aposta por unha axenda de música en directo accesible e diversa e por un espazo real de proxección e contacto profesional para artistas galegos”, explicou durante o acto, coincidindo cos últimos preparativos no parque Pernas Peón.

A Vicepresidencia da Deputación tamén deu a coñecer que “o festival aposta tamén este ano por unha programación cultural complementaria, que pretende achegar esta proposta musical ás novas xeracións con obradoiros de DJ con equipamento profesional, subida ao escenario e obradoiros creativos e tamén amosar aos visitantes a contorna patrimonial e natural de Viveiro e da comarca con rutas de sendeirismo e xornadas de limpeza de enclaves naturais con posteriores obradoiros artísticos de reutilización dos materiais recollidos”.

A Vicepresidencia da Deputación achega 8.000 euros á organización do festival, “acompañando a consolidación e o salto organizativo do evento”.