O II Mercado de Nadal de Xove será esta fin de semana, sábado 20 e domingo 21 de decembro

O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Xove organiza II Mercado de Nadal chamado O Faio de Generosa, que terá lugar na Oficina de Turismo os días 20 e 21 de decembro, sábado e domingo. O horario de apertura do mercado será de 11 a 14:00 e 17 a 21 horas.

O Concello de Xove explica que este mercado de Nadal “quere poñer en valor o talento e a calidade das pequenas empresas de Xove e da zona, así como fomentar que o comercio local sexa a primeira opción á hora das compras de Nadal”.

Participarán estes negocios: Panadería Maral, Lebre de Abril, Estética Marta, A Repulida, Miña Rula, Glarual Ecoshop e Mel do Sierra.

O sábado 20 ás 11:00 horas será a inauguración a cargo de Dolores Meitín (concelleira de Cultura) e farase unha visita guiada por cada posto, onde a persoa emprendedora explicará a súa historia. Ás 18:00 horas visitará o mercado “un misterioso personaxe que vén do ano 1925 en busca de Generosa Villalba”.

E o domingo 21  ás 11:00 horas visitará o mercado “outro misterioso personaxe que vén do ano 1925 en busca de Generosa Villalba”. Ás 12:30 actuará Xaora Cantareiras, con Cantares de Reis. E ás 20:00 horas  sortearase un baúl con produtos dos postos do Faio de Generosa, para o que as rifas adquírense gratuitamente con cada compra igual ou superior a 10 euros.

Tamén haberá actividades complementarias como obradoiros de manualidades de Nadal con merenda.

O Concello de Xove explica que este mercado chámase O Faio de Generosa porque “o faiado é a parte máis alta da casa, inmediatamente debaixo do tellado, en Xove chamámoslle faio. Un faio é un lugar cheo de memoria, sorpresas e obxectos de valor. No Faio de Generosa atoparemos iso: respecto polo pasado, intimidade, imaxinación, agarimo, identidade, creatividade, unión e coidado mutuo. Generosa Villalba Balsa naceu o 11 de xuño de 1862 nun Xove moi rural e moi pobre. A súa era unha familia xa bastante asentada antes de que seu irmán Manuel decidira emigrar a Arxentina, onde fixo unha fortuna emprendendo un negocio baseado no comercio de encaixes. Este fito marcou un antes e un despois non só na vida de Generosa, senón tamén na vida do pobo. Ela vivía moi acomodadamente no Pazo de Villalba, pero desde esa situación de privilexio que recoñecía, aproveitou para asistir ás familias máis desfavorecidas entregándolles comida, roupa, diñeiro, libros e árbores froiteiras. O 15 de decembro de 1926 morreu a causa dun cancro, a súa perda foi moi sentida polo pobo e sobre todo por seu irmán, que perdía á súa confidente, á súa aliada no auxilio de quen máis o necesitaba. Desde 1929 unha rúa local leva o seu nome, promovida por seu irmán, que quixo que se lembrase a Generosa, unha muller que sempre fixo honra do seu nome. Generosa doíase moito da situación de miseria na que vivía unha grande parte da poboación de Xove e xunto con seu irmán organizaba unha campaña de axuda nas festas de Nadal. Como na súa finca había moitas maceiras, repartían mazás para que nas casas puidesen facer compota e gozar dunha pouca de dozura polo Nadal. A noite de Reis a familia Villalba facía chegar unha cantidade de diñeiro a cada fogar do que coñecía a precaria situación; esta cantidade era fixada anualmente e servía dunha axuda inestimable nos fogares sen recursos”.