O libro “50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025” será presentado en Viveiro este xoves, 30 de xullo

A Vicepresidencia da Deputación organiza para este xoves, día 30 de xullo,  en Viveiro un acto de recoñecemento e divulgación da figura de Moncho Reboiras, “vítima da represión franquista. O acto artéllase arredor da presentación do libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025, editado no marco das actividades impulsadas pola Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo para homenaxear e dar a coñecer á sociedade galega a traxectoria militante e vital de Reboiras, asasinado pola policía franquista en Ferrol en agosto de 1975”.

O acto, que se celebrará ás 19:30 horas na Biblioteca Municipal de Viveiro, contará con intervencións da Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, compañeiro de militancia de Moncho Reboiras, e Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo.

A publicación, coordinada por Suso Seixo, Rubén Cela e Roberto Vilameá, recolle unha biografía asinada polo historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, unha vintena de artigos de persoas que compartiron militancia e ideario con Reboiras e máis unha reprodución das creacións artísticas realizadas para a exposición Moncho Reboiras. Semente de Vencer.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo súmase con este acto ás iniciativas promovidas no último ano por outras institucións como o Concello de Lugo ou o Concello de Santiago para honrar a Reboiras, “última persoa asasinada polo réxime franquista en Galicia e figura fundamental na organización do movemento nacionalista galego no ámbito político, sindical ou estudantil durante a primeira metade da década dos 70”.