O Mago Rafa chegará a Viveiro o 11 de maio con Sentir, o seu novo espectáculo. As entradas xa están á venda

O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acollerá a representación do novo espectáculo do Mago Rafa, Sentir, o vindeiro 11 de maio ás 20:30 horas. 

As entradas xa se poden adquirir por 10 euros a través do correo electrónico entradas@magorafa.com e pódense recoller na billeteira do propio teatro o día da representación a partir das 17:30, onde tamén se poderán mercar. 

O espectáculo foi presentado polo tenente de alcalde, Jesús Fernández, e polo propio Mago Rafa, quen destacou que traerá Sentir a Viveiro porque ten “o teatro máis bonito de toda Galicia”. 

Sentir está pensado para un público familiar e para representarse neste momento “no que priman a tecnoloxía e a intelixencia artificial”, buscando facer reflexionar sobre a importancia de “non esquecerse de sentir”, tamén a través da maxia, que é “algo que non só se ve, senón que se sente”. 

O Mago Rafa xa é un vello coñecido de Viveiro: o pasado 28 de decembro xa participou na gala de maxia que se desenvolveu, precisamente, no Teatro Pastor Díaz, con moi boa acollida.