
O meteorólogo televisivo Martín Barreiro presentará o seu libro titulado El extraordinario Planeta A. ¡Nos importa el cambio climático na Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo. O acto terá lugar este xoves, día 8 de maio, ás 17:30 horas.
O Concello de Ribadeo anuncia que “o meteorólogo e experto en comunicación sobre cambio climático Martín Barreiro presentará o seu libro El extraordinario Planeta A. ¡Nos importa el cambio climático! na Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo. O libro, orientado ao público infantil, ofrécenos información rigorosa acompañada dunhas ilustracións moi coidadas sobre os problemas que ocasiona o cambio climático no noso medio”.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anima a nenos e adultos a asistir á presentación, xa que “é unha ocasión para traballar a conciencia ecolóxica e o coidado do medio ambiente da man dun comunicador que conta cunha sólida formación científica. Con esta actividade pretendemos achegar a ciencia a todos vós e combater a desinformación e os bulos sobre o cambio climático, pois son unha problemática real que pode dificultar a comprensión e a adopción de medidas para abordar este problema”.