O Museo do Mar, de San Cibrao (Cervo) acolle este verán actividades da programación polo vinte aniversario da Rede Museística Provincial

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que os museos provinciais acollerán durante este verán “unha ampla axenda de actividades culturais, divulgativas e didácticas, unha programación pensada para seguir achegando os fondos dos museos a persoas de todas as idades e conmemorar o vinte aniversario da constitución da apertura do Pazo de Tor como Museo e da constitución da Rede Museística Provincial”. Algunhas desas actividades desenvolveranse no Museo do Mar, de San Cibrao (Cervo).

A deputada de Cultura, Iria Castro; a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; e a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, presentaron este luns, 29 de xuño, a programación, articulada baixo o epígrafe Escola, Cultura e Territorio: Verán na Rede Museística.

Iria Castro explicou que “a programación incide na apertura dos museos a todos os públicos, e especialmente as máis novas e novos, creando oportunidades para que se acheguen ao patrimonio e á creación artística” e remarcou que “a configuración da Rede, cos catro museos espallados polo territorio, facilita que estas propostas culturais e didáctica, que involucran a artistas e colectivos diversos, chegue a persoas de toda a provincia”.

Encarna Lago destacou que “a programación de actividades de verán deseñouse co obxectivo de dar o máximo protagonismo ao vinte aniversario da creación da Rede e da apertura do Pazo de Tor e de visibilizar o proxecto de museos inclusivos, igualitarios e centrados nas persoas que levamos dúas décadas desenvolvendo”.

O acto de presentación contou tamén coa participación das artistas Soila Jankowska e Cris Bamio, que impartirán os obradoiros A linguaxe do barro,  e do colectivo Terras Irmás, unha entidade asentada en Lugo e centrada na creación de redes de colaboración entre entidades educativas, culturais e sociais, fomentando o intercambio de experiencias e a aprendizaxe mutua entre diferentes territorios europeos.

No Museo do Mar de San Cibrao o día 15 de xullo ás 12:00 horas haberá un obradoiro asociado ao espectáculo Moby Dick (a partir de 4 anos), con exploración das historias do océano e da identidade do centro. E o 21 de agosto ás 18:00 horas acollerá o obradoiro Contador de Historias, con recuperación de memorias da costa para crear unha cartografía  de historias (de 6 a 12 anos).

Ademais durante os meses de xullo e agosto ofreceranse catro visitas guiadas en todos os museos da rede. Os percorridos terán lugar de martes a venres coas quendas de mañá ás 11:00 e 12:30 horas, e as quendas de tarde ás 16:30 e 18:00 horas. A asistencia farase sen necesidade de anotarse, coa única excepción do Pazo de Tor, onde todas as visitas realizaranse exclusivamente baixo reserva previa  a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.