O Museo do Mar de San Cibrao incorporou unha espiña dun bonito de gran tamaño doada polo mariñeiro e armador Antonio Rey Otero

O Museo do Mar de San Cibrao incorporou á súa exposición permanente unha espiña dun bonito de 48 quilogramos doada por Antonio Rey Otero, coñecido como “Ton”, histórico mariñeiro e armador de Foz.

A espiña, procedente dun exemplar de gran tamaño capturado entre as
costas de San Cibrao e Burela, pode verse na Sala 3 do museo , xunto a
restos doutras especies mariñas e obxectos relacionados coas artes e
aparellos de pesca.

Iria Castro agradeceu a xenerosidade de Antonio Rey Otero, sinalando que
"é un orgullo que unha persoa que viviu e coñece o mar e os seus oficios
como poucas decida legar esta peza ao Museo do Mar" e recordou o
"estreito vínculo do Museo coa comunidade xa que os seus fondos proceden
na súa maioría das persoas que cederon pezas, fotografías e a súa
memoria persoal ao Museo".

Renovación museográfica para ampliar a visibilidade das mulleres

Ademais desta peza, o Museo do Mar estreou unha museografía dirixida a
reforzar a visibilidade das mulleres na historia do propio museo e da
vida do mar coa incorporación á exposición permanente da mostra
“Mariñas, Marosas e Maruxainas”,  unha serie formada por 16 retratos e
outros tantos textos de traballadoras do mar e da terra -unha por cada
concello da Mariña- e creada polo 50 aniversario do Museo como homenaxe
ás mulleres que coas súas mans construíron o pasado, presente e futuro
da comarca.

En liña co propósito de incorporar ao museo a memoria das mulleres, o
Museo do Mar fai un chamamento para recuperar a memoria das nenas que
asistiron á escola  que hoxe alberga o museo e das mestras que exerceron
nela. Todas aquelas persoas que poidan ter información ao respecto
(memoria oral, documentos, fotografías, etc.)  poden compartila
achegándose ao Museo ou enviándoas ao correo museodomar@museolugo.org.