
O renovado ximnasio municipal de Barreiros será inaugurado este sábado, día 3 de maio, ás 12:30 horas, cunha mesa redonda e visita ás instalacións.
O Concello de Barreiros anuncia: “este sábado, 3 de maio, ás 12:30 horas convidámoste a descubrir o ximnasio municipal que, con nova dotación de maquinaria e unha completa renovación, abrirá as portas como un espazo moderno, accesible e pensado para mellorar o benestar da veciñanza. Ás 12:30 horas comezaremos cunha mesa redonda na que intervirán Ana Ermida (alcaldesa de Barreiros), Dani García (concelleiro de Deportes e deputado provincial), Noemí Ramajo (monitora das escolas deportivas municipais) e Marco Martínez (adestrador persoal en MOW Proyect). A continuación faremos unha visita guiada polas instalacións da man de Lara Martínez, técnica deportiva do Concello de Barreiros. Tamén vos contaremos como ides poder facer uso da instalación este mes de xeito gratuíto”.
Este espazo foi sometido a unha renovación completa para convertelo en moderno e accesible, dotado cunha liña innovadora de máquinas de musculación e cardio como ebikes e materiais novidosos enfocados ao adestramento funcional. “Unha instalación deportiva pensada para a mellora do benestar da veciñanza”, asegurou Dani García, concelleiro de dinamización.
As obras foron financiadas cun convenio coa área de Deportes da Deputación, dirixida polo vicepresidente Efrén Castro, e coa dotación dunha subvención de 40.000 euros da Secretaría Xeral para o Deporte. O equipamento foi renovado coa adquisición de tres máquinas ao abeiro da subvención concedida pola Xunta e a formalización dun contrato de renting polo propio Concello para o resto de maquinaria. No día de hoxe, visitaron as instalacións -acompañados do goberno municipal, encabezado pola alcaldesa, Ana Ermida e o concelleiro de dinamización, Dani García- o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o xefe provincial de Deportes, Manuel Otero.
O mes de maio, portas abertas.
Durante o mes de maio, o ximnasio abrirá as súas portas con persoal técnico para familiarizarse coas instalacións e co funcionamento das mesmas. Así, faranse públicos os horarios en sesión de mañás ou de tardes alternativas para facilitar o achegamento das instalacións a toda a poboación. A alcaldesa manifestou o “orgullo de contar cunhas instalacións punteiras e adaptadas ás necesidades de Barreiros, cun incremento dos servizos e unha mellora tanto na prestación como no asesoramento técnico existente.”