
O Reyco Burela FS presentou o seu segundo equipamento nun acto celebrado nas instalacións focegas de Reyco, empresa patrocinadora da entidade e referente empresarial na comarca da Mariña. A nova camiseta, deseñada en branco e vermello, incorpora as cores corporativas da compañía mariñá, reforzando así a vinculación entre ambas as entidades, anuncia o Burela Fútbol Sala.
No acto o presidente do club, José Luis Sáez, e o CEO de Reyco, Iván Marrube, acompañaron as capitanías burelistas; Pitero, Silvia, Alán, Macarena, Izan, Sandra, Raid e Marina exerceron de modelos lucindo a indumentaria.
Durante a presentación, José Luis Sáez quixo expresar o agradecemento do club polo apoio que Reyco está a brindar nesta nova etapa do Burela FS. O presidente destacou “a aposta e a confianza da empresa na entidade laranxa ao longo destas dúas últimas tempadas, unha axuda fundamental para continuar desenvolvendo o proxecto deportivo”. Así mesmo felicitou aos equipos pola boa traxectoria que están a protagonizar e animounos a “seguir traballando coa mesma filosofía, compromiso e ilusión que están a demostrar ata o momento”.
Pola súa banda, Iván Marrube puxo en valor “a seriedade da actual xunta directiva laranxa e a historia do Burela FS ao longo dos seus 25 anos nas mellores categorías do fútbol sala”. O CEO de Reyco tamén quixo destacar “o compromiso dos dous conxuntos sénior, integrados por deportistas moi novos, e salientou que os seus resultados son froito do compromiso, do verdadeiro traballo en equipo e, sobre todo, de apostar e crer no proxecto. Só crendo no que fas podes avanzar”, subliñou Marrube, incidindo na importancia de manter a confianza e o traballo colectivo para seguir medrando.
O Burela FS destaca ademais que esta presentación “chega nun momento especialmente significativo para Reyco, que vén de recibir unha homenaxe na gala do trixésimo aniversario de A Mariña-El Progreso, en recoñecemento á súa traxectoria empresarial e á súa repercusión na xeración de emprego na bisbarra. Deste xeito, o Reyco Burela FS e a empresa patrocinadora continúan fortalecendo unha relación baseada na confianza, no compromiso coa comarca e no apoio ao deporte mariñán”.


