O sociólogo e historiador Manuel Monge falará en Ribadeo o 3 de novembro

O sociólogo e historiador Manuel Monge González ofrecerá unha charla coloquio en Ribadeo. Será o martes 3 de novembro as 20:00 horas na Casa do Viejo Pancho.

É unha actividade organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, que anuncia que o tema será O que vostede debería saber antes de votar (ou de como quedou todo atado e ben atado pola ditadura franquista na transición política). O colectivo tamén explica que “segue a organizar conferencias de contido histórico, tal e como se acordou na última asemblea xeral de socios e socias. Despois de termos abordado a nosa historia recente no século XIX co documental 1864:  a revolución galega, analizamos agora a transición política e o papel xogado polo poder político e económico no deseño de dito proceso de cambio para dalgún xeito controlalo e marcarlle o ritmo. O sociólogo e historiador Manuel Monge González xa ten impartido charlas en Ribadeo abordando a nosa historia recente. Monge analiza con precisión cirúrxica a xenealoxía do poder en España, propoñendo que a monarquía actual porta un virus de orixe ineludíbel: a súa instauración por designio directo do ditador Francisco Franco. Para o conferenciante o franquismo comezou espoliando recursos e dita tendencia cleptómana tivo extensión de xeito máis ou menos sutil a través das comisións e contas opacas que se lle atribúen a Xoán Carlos I. Todo isto non sería posíbel sen certas connivencias desde os poderes político, económico e xurídico”.