O xornalista, presentador e escritor José Ribagorda promociona A Mariña, onde pasou catro días

Rematou á viaxe á Mariña lucense do coñecido escritor e xornalista José Ribagorda, que este pasado domingo, 18 de outubro, visitou varios comercios en Ribadeo e na Pontenova dentro da campaña De compras pola Mariña, da FCAM. Ribagorda estivo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, xunto ao que percorreu as rúas ribadenses máis comerciais. Con eles estiveron o xerente de Acisa, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. José Luis Balseiro, presidente da Asociación de Comerciantes da Pontenova, mantivo tamén un encontro con Gabriel Alén e con José Ribagorda.

A campaña De compras pola Mariña chegará a través de varios vídeos ás redes sociais e á plataforma De las cosas del comer, de José Ribagorda, que pasou estes días por Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, onde se achegou ao comercio local e tamén ao patrimonio natural e cultural desta comarca.

De compras pola Mariña é unha campaña da FCAM que conta co financiamento de Comercio Galego e da Xunta de Galicia.