
A praia das Catedrais estará pechada o día 12 de agosto para garantir a seguridade das persoas que acudan a ver o eclipse solar. Ribadeo e Lalín seguirán este fenómeno a través de pantallas xigantes coas explicacións que ofrecerá o profesor José Ángel Docobo, que é catedrático de astronomía da USC e director do observatorio Ramón María Aller.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou: “tivemos unha reunión coa Consellería de Medio Ambiente, concretamente coa directora de Patrimonio Natural, para coordinar todos os traballos relativos ao eclipse do vindeiro 12 de agosto. Nas Catedrais, punto de referencia e de encontro, onde tamén vai ter presenza Lalín con esa pantalla onde a explicación do profesor Docobo vai ser unha explicación do que é o eclipse e tamén das perseidas; é unha charla pedagóxica para explicar o impacto e o que significa o eclipse. Nas Catedrais o eclipse verase durante un minuto 45 segundos de tempo e iso convértenos no concello onde mais tempo poderemos disfrutalo”.
O rexedor ribadense dixo tamén que “a praia das Catedrais é un espazo, un sitio, un entorno natural perfecto. Estamos acostumados a xestionar 4.500 persoas diariamente nese areal, pero o que é verdade é que temos que tomar medidas. Primeiro, o areal vai estar pechado, nos próximos días, a Consellería tamén informará a todos os axentes implicados, o 12 e tamén o 13 de agosto ata as 7:30 da mañá non se vai poder entrar na praia das Catedrais, tampouco vai permitirse sacar pases para esas datas. Iso vai estar todo coordinado. O espazo onde poderá verse o eclipse vai ser no aparcamento público, aí estará situada a pantalla e aí será a explicación, todo perfectamente coordinado, por iso no día de onte tiñamos a xunta local de seguridade e en consecuencia está todo organizado”.


