Ribadeo acollerá o 24 de outubro unha formación para aprender a utilizar os desfibriladores e facer reanimación cardiopulmonar

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa e o Hospital Público da Mariña organizan o 24 de outubro unha sesión práctica de reanimación cardiopulmonar (RCP) e de uso dos DESA, aberta a persoas de todas as idades. A actividade terá lugar de 10:30 a 13:00 horas no pavillón municipal de Ribadeo. O Concello anima a toda a veciñanza a participar.

A actividade, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa e o Hospital Público da Mariña, está aberta a toda a cidadanía e diríxese a persoas de todas as idades. O obxectivo é achegar á poboación os coñecementos básicos necesarios para actuar ante unha parada cardíaca, aprender a utilizar un desfibrilador e saber como responder durante os primeiros minutos dunha emerxencia.

O Concello ribadense explica que “esta formación cobra especial importancia tras a instalación de dous desfibriladores de acceso público en Ribadeo, situados nas rúas San Francisco e Rosalía de Castro. Estes dispositivos están pensados para facilitar unha intervención rápida ante unha posible parada cardíaca, pero é fundamental que a cidadanía coñeza o seu funcionamento e saiba como actuar cando se produce unha situación destas características”.

O alcalde, Dani Vega, sinalou que “todas as persoas poden axudar a salvar unha vida. Os primeiros minutos son cruciais ante unha parada cardíaca, polo que saber recoñecer a emerxencia, avisar aos servizos sanitarios, iniciar as manobras de reanimación cardiopulmonar e utilizar un desfibrilador pode resultar determinante ata a chegada dos profesionais”.

Desde o Concello de Ribadeo insístese na importancia de “perder o medo a actuar e de comprender que non é necesario ser profesional sanitario para prestar unha primeira axuda. A formación permite adquirir confianza, coñecer os pasos que se deben seguir e estar mellor preparados para responder ante unha emerxencia que pode ocorrer en calquera lugar e afectar a calquera persoa”.

A sesión do vindeiro sábado, 24 de outubro, en horario de 10:30 a 13:00 horas, será unha oportunidade para achegar estes coñecementos á poboación e reforzar a seguridade colectiva.

A colaboración entre a Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa, o Hospital Público da Mariña e o Concello ribadense “permite avanzar cara a unha cidadanía máis preparada e consciente da importancia da resposta inmediata ante unha parada cardíaca, cara a un Ribadeo Cardioprotexido para todos”.