
A Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, celebra o Día da Biblioteca, que se conmemora o vindeiro 24 de outubro, cunha programación especial dirixida a públicos de diferentes idades que se desenvolverá do 19 ao 30 de outubro. Este ano, a celebración está marcada polo lema Sen profesionais non hai biblioteca, unha mensaxe que pon en valor o papel fundamental das bibliotecas públicas e das persoas que traballan nelas.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destaca a importancia de aproveitar esta celebración para achegar a biblioteca á cidadanía e mostrar todas as posibilidades que ofrece como espazo de lectura, encontro, aprendizaxe e participación: “o Día da Biblioteca é unha oportunidade para lembrar que as bibliotecas son moito máis ca lugares onde se gardan libros: son servizos públicos vivos, abertos a toda a comunidade e fundamentais para o acceso á cultura”.
A programación comezará cos encontros do Club de lectura, que terá reunións os días 19 e 21 de outubro arredor da obra El asedio de Troya, de Theodor Kallifatides. “As sesións permitirán compartir impresións e reflexións sobre a lectura nun espazo de diálogo e participación. O aforo do club xa está completo”, explica a Concellería de Cultura ribadense.
O propio 24 de outubro, ás 17:30 horas, terá lugar na Biblioteca Pública Municipal o espectáculo titulado Sinfonía de contos: Nós tamén queremos navegar, unha proposta de Tamara Soto, encargada da música, e Inma Soto, da narración, que combina música e narración oral para achegar as historias ao público infantil. A actividade está destinada a nenas e nenos a partir de 3 anos, con entrada libre.
A programación continuará o 30 de outubro, ás 17:30 horas, coa actividade O segredo da biblioteca, de Trémola Teatro. “Trátase dunha proposta participativa pensada para que o público infantil poida gozar da biblioteca, descubrir os seus segredos e coñecer o espazo dunha maneira diferente e divertida”. A actividade está dirixida a nenas e nenos a partir de 3 anos e terá tamén entrada libre.
Tanto Sinfonía de contos como O segredo da biblioteca están cofinanciadas pola Consellería de Cultura, no marco do programa Ler Conta Moito, iniciativa que ten como obxectivo fomentar a lectura e dinamizar as bibliotecas públicas galegas.


