
Ribadeo celebrará o vindeiro sábado, 14 de novembro, un magosto de Preto de Ti cunha xornada de convivencia, música e tradición aberta a toda a veciñanza.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, explicou que “esta cita denomínase Un magosto Preto de ti e con sabor a Fraternidad, unha iniciativa que busca promover a convivencia, a inclusión e a participación social das persoas maiores e da veciñanza das parroquias. A xornada desenvolverase na Praza de Abastos, de Ribadeo, e contará coa colaboración da Asociación Fraternidad, nunha celebración que combinará tradición, música, xogos populares, inclusión e solidariedade”.
O programa dará comezo ás 16:00 horas cunha benvida e unha merenda para Preto de ti e a Asociación Fraternidad. Ás 17:00 horas terá lugar a venda solidaria de castañas, cuxa recadación se destinará integramente á asociación. As persoas que adquiran un cucurucho recibirán un número para participar nun sorteo, que se celebrará ás 19:00 horas. A música e a diversión chegarán ás 17:30 horas con Cantos da Terra, que amenizará a tarde con xogos populares e baile, contribuíndo a crear un espazo de encontro e participación para todas as persoas asistentes.
A edil ribadense subliñou “a importancia de iniciativas coma esta, que permiten manter vivas as tradicións galegas ao tempo que favorecen a socialización, o envellecemento activo, a inclusión e a creación de vínculos entre a veciñanza. As castañas que nos unen é o lema desta celebración, que pretende converter o magosto nunha oportunidade para compartir, convivir e apoiar unha causa solidaria”.
Elena Sierra anima “a toda a veciñanza a participar nesta xornada festiva e solidaria, na que todas as persoas teñen cabida”.


