
O Concello de Ribadeo, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza os días 13 e 14 de marzo de 2026 as Xornadas Formativas: Corresponsabilidade e implicación dos homes nos coidados, que se celebrarán no Salón de Alcaldes.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que “a iniciativa enmárcase nas actividades arredor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e pretende abrir un espazo de reflexión e formación dirixido a profesionais dos ámbitos educativo, social, sanitario, xurídico, forzas e corpos de seguridade e tecido asociativo, así como a persoas interesadas en avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria”.
O programa combinará relatorios e espazos de diálogo arredor de cuestións como a distribución dos coidados, os usos do tempo ou o papel dos homes na construción de modelos de convivencia máis equilibrados. Entre as persoas participantes estarán Zúa Méndez e Teresa Lozano, integrantes do proxecto comunicativo Towanda Rebels, coñecidas polo seu traballo de análise crítica dos discursos sociais sobre igualdade. Tamén participarán Priscila Retamozo Ramos, integrante da consultora de igualdade Prisma, especializada no deseño e desenvolvemento de programas formativos en igualdade, e Lucía Erice, investigadora centrada no estudo social dos coidados e da corresponsabilidade. Así mesmo, as xornadas contarán coa participación de entidades como FAGAMOS e ACOŪGO – Asociación Galega de Familias de Acollida, que achegarán a súa experiencia desde o ámbito social e comunitario.
Desde o CIM sinalan que “estas xornadas pretenden reforzar o diálogo entre profesionais e avanzar cara a unha maior implicación social nos coidados, promovendo modelos de corresponsabilidade que contribúan á igualdade real”.
O prazo de inscrición xa está aberto e a participación é gratuíta. É necesaria a inscrición previa por motivos organizativos. As persoas asistentes recibirán ademais un certificado acreditativo de asistencia.


