Riotorto entra no calendario galego do trail co IV Trail dos Muíños, que se celebrará o 23 de maio

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou este sábado, 28 de febreiro, na presentación do IV Trail dos Muíños de Riotorto que se celebrará o 23 de maio. A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización da proba organizada pola Asociación de Veciños de Ferrería que este ano forma parte por primeira vez do calendario galego de trail, concretamente da Serie Plata, “un recoñecemento que impulsa a súa visibilidade e atractivo para atletas de toda Galiza”.

No acto Efrén Castro destacou “a contribución do trail e das populares a estender a actividade deportiva e a fortalecer a base deste deporte” e valorou “o traballo da organización para poñer en marcha e consolidar unha proba destas características, que pon en valor a paisaxe e o territorio e crea comunidade”.

Interviñeron tamén Alberto Lombardero, responsable da organización; Clemente Iglesias, alcalde de Riortorto; Manuel Otero, representante da Xunta de Galicia; e Iván Sangiao, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo.

A Vicepresidencia da Deputación, que achegará 3.000 euros para a organización deste evento deportivo, explica tamén que “a proba, que mestura esixencia deportiva e promoción do patrimonio, mantén tres modalidades de participación: un percorrido longo de 21 quilómetros, outro máis curto de 12 quilómetros e unha andaina de 13 quilómetros. O prazo de inscrición na proba abre o este luns, 2 de marzo”.