
Trabada acollerá os días 25 e 26 de abril, sábado e domingo, unha nova edición da romaría de San Marcos, “unha das festas e feiras máis emblemáticas e con maior tradición do municipio, que terá lugar na área recreativa da A Cadeira”, anuncia o Concello de Trabada.
O alcalde, Rubén García, acompañou aos veciños e veciñas da parroquia de Órrea na presentación do cartel desta edición, destacando “a importancia de manter vivas as tradicións e de seguir apoiando este tipo de eventos”.
O programa dará comezo o sábado 25 de abril coa feira anual de gando cabalar e a exposición de gando a partir das 12:00 horas, así como o concurso morfolóxico oficial de cabalos de pura raza galega, con seccións de sementais, eguas e poldros ata 3 anos. A xornada completarase coa misa solemne e procesión ás 13:30 horas e sesión vermú amenizada pola orquestra Ritmo Joven. Pola tarde-noite celebrarase a festa-verbena coa mesma orquestra e unha disco móbil.
O domingo 26 de abril continuará a programación coa misa solemne e procesión ás 13:30 horas, seguida dunha sesión vermú longa amenizada por Dúo Estrellas, ademais de contar tamén con disco móbil e servizo de bar e comida.
Desde o Concello de Trabada destacan “o valor histórico desta feira, que ano tras ano reúne a veciñanza e visitantes arredor dunha tradición moi arraigada no municipio, vinculada ao sector gandeiro e ao mundo cabalar”.
Así mesmo o alcalde sinalou: “desde o Concello continuamos colaborando coas comisións de festas e asociacións para facer posible a organización de eventos como este, que contribúen a dinamizar a vida social e cultural do noso concello”.


