
A compañía Sarabela Teatro representará a obra titulada O dragón de ouro en Viveiro este sábado, día 31 de xaneiro. Será ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.
É unha obra de teatro contemporáneo para público adulto coa seguinte sinopse: “unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida tailandés - chinés - vietnamita, O Dragón de Ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida. No balcón, sobre o Dragón de Ouro, un ancián quere retroceder no tempo mentres a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos. No piso de abaixo, un home, deixado pola súa muller, visita ao seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga a unha moza chinesa á prostitución. Dúas azafatas comen no restaurante. Unha delas topa e garda unha moa que caeu na súa sopa tailandesa. Intercalada entre as escenas, está inserida a fábula da cigarra (que non gardaba nada no verán) e pídelle á formiga que lle dea de comer”.


