A terceira edición do programa de actividades para coñecer A Mariña a través da artesanía desenvolverase do 24 de outubro ao 15 de novembro

A Mariña acollerá do 24 de outubro ao 15 de novembro a terceira edición do programa Obradoiros con corazón, unha proposta de lecer no contexto do produto turístico A Mariña Artesá que ten como principal obxectivo coñecer o xeodestino e poñer en valor a súa actividade artesanal a través de experiencias artesás inmersivas. A iniciativa, promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, ten como principal novidade deste ano a colaboración na organización da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense.

A presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, presentou esta iniciativa nun acto celebrado en Viveiro e no que tamén participaron a alcaldesa deste municipio, Mariña Gueimunde; o presidente da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense, Marcelo Scapinachis; e a xefa de área provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez.

Tal e como explicou a presidenta da Mancomunidade na súa intervención, os Obradoiros con corazón desenvólvense no contexto da Mariña Artesá, “o produto turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense que pon en valor a riqueza e a diversidade da artesanía no territorio, dando visibilidade aos seus oficios, ás persoas que os desenvolven e aos coñecementos e técnicas que forman parte da nosa identidade cultural”. Trátase, en palabras de Rocío López, “dunha oportunidade única para coñecer a artesanía da Mariña da man dos seus creadores e creadoras e a través de experiencias auténticas e participativas”.

Nesta edición o programa trasládase ao outono en lugar do verán, xa que “o obxectivo é contribuír á desestacionalización turística e á dinamización da Mariña fóra da temporada alta. Así amplíase e diversifícase a oferta turística e de ocio deste xeodestino durante os meses de menor afluencia, favorecendo a actividade estable do sector durante todo o ano; e, ao mesmo tempo, mellórase o coñecemento e a posta en valor deste recurso singular do territorio que é a artesanía, contribuíndo a un modelo turístico máis sostible, equilibrado e apegado ás persoas”.

As prazas son limitadas “xa que se trata de garantir unha experiencia próxima e personalizada na que os participantes poidan experimentar de maneira pausada e guiada. Os obradoiros terán un custo de entre 5 e 10 euros e a recadación será investida en accións de promoción da propia artesanía da Mariña. As persoas interesadas poden realizar a súa reserva a través da web: amarinalucense.gal/gl/a-marina-obradoiros-con-corazon. Nesta terceira edición están programadas 9 actividades diferentes en obradoiros situados en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Ourol. Serán unhas semanas nas que se poderá practicar desde a elaboración de diferentes pezas de cerámica ata a creación de elementos decorativos típicos do Nadal, así como a creación de xoias de madeira, a técnica cerámica Rakú de orixe xaponesa, a reconstrución de cerámica coa técnica xaponesa do Kintsugi, o traballo da la e a ensamblaxe de madeira, entre outras actividades. Trátase de experiencias creativas inmersivas coas que afondar na creación artesá do territorio”.

A Mancomunidade destaca que “a principal novidade desta edición é a incorporación da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña como entidade colaboradora na organización. Os artesáns e as artesás colaboran coa Mancomunidade desde que se iniciou a actividade en torno á artesanía no ano 2011. Foi a raíz da implantación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e da Estratexia e Plan Operativo de Marketing da Mariña Lucense, no ano 2023, cando se fixo unha reflexión que permitiu revitalizar a súa actividade, impulsar a súa constitución oficial como asociación e promover a súa profesionalización ata convertese, na actualidade, nun produto turístico estruturado e sostible, centrado na experiencia, na identidade local e na participación activa do visitante. Nesta terceira edición dos Obradoiros con corazón recóllese o éxito das anteriores, nas que se rexistrou un gran resposta por parte do público, confirmando o interese polas experiencias artesás e a consolidación desta oferta como un produto turístico de calidade vinculado á marca A Mariña. No ano 2025 participaron nas diferentes actividades un total de 100 persoas, contando ademais cunha lista de agarda de 62 persoas”.