Trabada acolle un curso de primeiros auxilios pediátricos o 4 de setembro

A Casa da Cultura de Trabada será o escenario o xoves, 4 de setembro, dun curso especializado en primeiros auxilios pediátricos, que se celebrará en horario de 16:00 a 21:00 horas.

A iniciativa, organizada coa colaboración da Xunta de Galicia, Cruz Roja e Afammer, ten como obxectivo formar ás persoas participantes na atención urxente a nenos e nenas en situacións de risco.

O programa inclúe contidos prácticos e fundamentais como parada cardiorrespiratoria, morte súbita, obstrución da vía aérea, intoxicacións e reaccións alérxicas, deshidratación, convulsións, hipertermia e hipotermia, síndrome do neno sacudido, valoración pediátrica a través do método OPUMA e do triángulo de avaliación, picaduras, corpos estraños, erupcións cutáneas…

A inscrición debe formalizarse a través do teléfono 636 010 799.