Viveiro acollerá o mércores 29 de abril unha charla sobre transmisión de negocios no comercio

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Mondoñedo organiza en colaboración coa Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro a charla titulada Transmisión de negocios no comercio de Viveiro. Será o mércores 29 de abril ás 16:30 horas e nela presentarán os servizos que presta este organismo a negocios en activo, ós que estean pensando en emprender e tamén a aqueles que están a piques de pechar por xubilación. 

O CCHV explica que o Polo de Emprendemento “é unha rede que traballa para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa súa contorna, neles atoparás: acompañamento e asesoramento continuado, metodoloxía adaptada a cada proxecto e titorización con profesionais de primeiro nivel. Tamén se encarga de poñer en contacto a empresas que estean próximas a pechar por xubilación con emprendedores interesados en tomar o relevo. Nesta charla explicarán o seu funcionamento e tratarán a problemática da transmisión de negocios e pormenores do Bono para a Remuda Xeracional”.

O acto do 29 de abril en Viveiro “está aberto a todo tipo de negocios da Mariña así como emprendedores que estean pensando en iniciar unha actividade comercial. É gratuíto e tan só deben anotarse no formulario https://polosemprendemento.gal/calendar/remuda-xeracional-no-comercio-de-viveiro”.

Os organizadores da xornada tamén explican que “o tecido comercial das vilas está nun momento clave: moitos negocios con historia precisan continuidade, e ao mesmo tempo hai persoas con ganas de emprender que buscan unha oportunidade real para comezar con paso firme. Este encontro nace precisamente para conectar eses dous mundos. Esta xornada está pensada para crear vínculos, compartir ideas e abrir portas. Será un espazo dinámico no que persoas emprendedoras poderán coñecer de primeira man negocios con potencial, mentres descobren recursos e apoios que facilitan dar o salto. Durante a sesión explicaranse as distintas liñas de axuda existentes para facilitar o traspaso de actividades económicas, así como as vantaxes de formar parte dunha rede comercial activa e colaborativa. Ademais presentarase o traballo que se está a desenvolver desde a Rede de polos de emprendemento, ofrecendo acompañamento e asesoramento en cada etapa do proceso. Tamén haberá un apartado dedicado aos servizos e iniciativas que se están a impulsar no centro histórico de Viveiro para fortalecer o comercio local e dinamizar a zona. Unha oportunidade única para descubrir novas posibilidades, asegurar o futuro dos negocios de sempre e formar parte do relevo que manterá viva a economía das nosas vilas.

O programa é o seguinte: ás 16:30 horas, recepción de asistentes e benvida; ás 16:40 horas, presentación do Polo de emprendemento a cargo da técnica Belén López Cayón; e da actividade do CCH Viveiro pola xerente, Isabel Méndez Rivera; ás 17:00 horas, descrición da problemática da transmisión de negocios e pormenores do Bono para a Remuda Xeracional, por Francisco Lago (técnico do Polo de Mondoñedo); ás 17:45, resolución de dúbidas; e ás 18:00 horas, networking e petiscos.