
O Concello de Viveiro celebrará na madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, a partir das 00:15 horas, unha nova edición da Festa da Xuventude, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela e contará coa actuación da Discomóbil Hermo.
A iniciativa forma parte da programación da área de Xuventude do Concello de Viveiro e conta coa colaboración da Xunta de Galicia. “O obxectivo é ofrecer unha alternativa de lecer atractiva para a mocidade e dinamizar as noites de verán, convertendo esta cita nun punto de encontro para veciños e visitantes”, explica o Concello de Viveiro, que anuncia que “nesta edición a festa contará tamén coa implicación da nova directiva da Sociedade Deportiva Viveiro, que asumirá a xestión da cantina. A recadación obtida destinarase integramente a apoiar o inicio da nova tempada deportiva do club, reforzando así a colaboración entre o Concello e o tecido asociativo local e demostrando que o lecer tamén pode contribuír ao impulso das entidades deportivas do municipio”.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou que “a Festa da Xuventude é unha cita xa consolidada do verán viveirense e un exemplo de como podemos unir ocio, convivencia e apoio ás nosas asociacións. Queremos agradecer á nova directiva da SD Viveiro a súa implicación nesta iniciativa, que permitirá contribuír ao inicio dunha nova tempada deportiva e seguir fortalecendo o tecido asociativo da nosa vila”.
A rexedora engadiu que “desde o Concello seguimos apostando por actividades pensadas para a mocidade que, ademais de ofrecer alternativas de lecer de calidade, teñan un retorno positivo para a vida social e deportiva de Viveiro”.
O Concello de Viveiro anima á cidadanía, especialmente á mocidade, “a participar nesta cita festiva e a desfrutar dunha noite de música, convivencia e bo ambiente nun espazo pensado para compartir o verán de maneira responsable”.


