
O Concello de Viveiro celebrará o vindeiro sábado 24 de outubro a primeira xornada de tute e xogos de mesa, unha actividade que se incorpora á programación de lecer dirixida especialmente ás persoas maiores, aínda que aberta á participación de toda a cidadanía.
A xornada terá lugar no salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro, o mesmo espazo no que se celebran os bailes de tarde. A sala abrirá ás 17:00 horas e contará cun torneo de tute por parellas, ademais dun espazo para gozar doutros xogos de mesa, como o parchís.
O prazo de inscrición para o torneo de tute por parellas estará aberto do 13 ao 19 de outubro, ambos incluídos, na conserxería do Concello de Viveiro ou ben chamando ao teléfono 982.550.421. Inicialmente, non se establece un límite de participantes.
Antes da celebración da primeira xornada colocarase na porta de acceso ao salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro, onde terá lugar a actividade, un cartel coa organización das parellas participantes no torneo de tute, para que as persoas inscritas poidan consultar previamente a distribución das partidas.
Pola súa banda, quen desexe acudir para xogar libremente ao tute, ao parchís ou a outros xogos de mesa poderá facelo sen necesidade de inscrición previa.
Esta primeira xornada forma parte da programación anunciada con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que contempla a celebración de encontros mensuais durante a tempada de bailes de tarde, de outubro a marzo.


