Viveiro, Cervo, Ribadeo, O Valadouro, Foz, O Vicedo e A Pontenova acollerán o espectáculo “A Apalpadora” en decembro

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove un ano máis a presenza de tradición propias nas datas de Nadal co espectáculo A Apalpadora, que se representará en 40 localidades ao longo deste mes de decembro. Na Mariña estará en Viveiro, Cervo, Ribadeo, O Valadouro, Foz, O Vicedo e A Pontenova.

É un espectáculo de narración oral e música en directo no que Antía Vázquez -a filla do Apalpador- e o musico André Espiñeira contan ás crianzas a historia deste personaxe do Nadal, “transmitida a través da tradición oral, especialmente na zona do Courel e do oriente ourensán,  e revitalizada na última década grazas ao impulso de asociacións e colectivos culturais de todo o país”.

A deputada provincial Iria Castro explicou que “se trata dunha programación que poñemos en marcha por sexto ano consecutivo desde a Vicepresidencia da Deputación, tratando de dar resposta ao interese cada vez maior das asociacións de nais e pais e das asociacións culturais, especialmente de concellos e parroquias rurais que buscan ofrecer propostas de ocio para estas datas. O espectáculo representarase en 40 centros educativos e espazos culturais de todas as comarcas durante este mes, achegando a nenos e nenas esta figura do Nadal galego e a súa  historia”

No espectáculo “a filla do coñecido Apalpador toma o relevo do seu pai e baixa das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas. Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia. Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal”.

O martes 9 de decembro a actuación será no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, ás 10.00 horas; e no CEIP Península da Paz, de San Cibrao (Cervo) ás 11.30 horas; e no CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo, ás 13.15 horas.

O venres 19 de decembro estará na Casa da Cultura do Valadouro ás 14.45 horas; no CEIP Nº1 de Foz ás 17.30 horas; e nas Negradas (O Vicedo) ás 19.30 horas.

E o domingo 21 de decembro estará no local da Asociación de Veciños de Xudán, na Pontenova, ás 20.00 horas.