
O Concello de Cervo anuncia que San Ciprián acollerá o sábado 28 de marzo a X Foliada Nordestía, “unha edición moi especial ao tratarse dun número redondo que celebra xa unha década deste encontro de música e cultura tradicional, que encherá de ambiente festivo a vila cun programa completo pensado para todos os públicos. A cita desenvolverase ao longo de toda a xornada e arrincará ás 12:00 horas cos Cantos de Taberna polos diferentes locais hostaleiros da vila. Ao mesmo tempo, entre as 12:00 e as 14:00 horas, haberá un obradoiro de cerámica. Ás 15:00 horas celebrarase o tradicional xantar popular, un dos momentos máis agardados da xornada para compartir mesa e festa. Pola tarde continuará a programación con máis actividades: de 16:30 a 18:30 horas, novo obradoiro de cerámica; ás 18:00 horas, obradoiro de iniciación ao baile tradicional a cargo de Iago de Vicente. Xa pola noite chegará un dos pratos fortes do evento. Ás 19:30 horas dará comezo o festival, no que actuarán Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá, garantindo música e festa ata ben entrada a noite. E para rematar a xornada, a celebración continuará coa sesión Tradi de Conxuro Discomóbil”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destaca que “alcanzar a décima edición da Foliada Nordestía é un motivo de orgullo para o noso concello, porque significa que este evento medrou e consolidouse como un referente cultural en toda a bisbarra”. A rexedora puxo en valor o traballo do grupo A Rebolaxe, “que leva anos mantendo viva a nosa tradición e facendo que a música e o baile tradicional sigan chegando ás novas xeracións”. Segundo destacou, “o noso folclore é historia viva, identidade e comunidade; e iniciativas como esta demostran que a tradición non só se conserva, senón que se celebra e se reinventa”.
Desde o Concello de Cervo convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta “xornada de convivencia, música e tradición, na que a festa e o bo ambiente están garantidos”.
O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, tamén participou este venres na presentación do programa deste encontro de música tradicional, que contará cos concertos de Lamatumbá, Os Carecos e Clan Maragato, na Praza dos Campos, anunciou a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Daniel García valorou “o traballo de A Rebolaxe na conservación e na difusión da música tradicional coa organización desta foliada, pero tamén ao longo de todo o ano como agrupación musical e como promotora de aulas de música tradicional. Se podemos disfrutar desta décima edición a xornada de Foliada é polo traballo continuo e de base que mantén vivo o interese por ese patrimonio, que queremos recoñecer e apoiar”.
A xornada comezará cos Cantos de Taberna, no que participan unha decena de grupos de música tradicional da comarca da Mariña, da Terra Chá, Lugo e do concello coruñés da Capela, que animarán os locais e rúas de San Cibrao desde ás 12 da mañá ata o xantar popular. Tamén haberá un obradoiro de cerámica e outro de baile tradicional con Iago de Vicente, remata a Vicepresidencia da Deputación.


