Xa está na rúa o terceiro número de A Gaceta Ribadense, o xornal que publica Faro Norte Comunicación con motivo do Ribadeo Indiano.

Xa está na rúa o terceiro número de A Gaceta Ribadense, o xornal ideado e deseñado por Justo García que publica Faro Norte Comunicación con motivo do Ribadeo Indiano. Nesta ocasión foron editados 4.000 exemplares de 24 páxinas, que se repartirán gratuitamente nos máis de 70 establecementos colaboradores, nos puntos de venda de prensa habituais e polas rúas da vila ribadense durante o festexo.

Neste número da publicación poderán ler escritos de dúas novas firmas “fichadas” por este xornal, o letrado (nos dous significados da palabra) Antonio Fernández e Rubén Abelaira (da Asociación Lucense de Automóviles Antiguos), que se unen a seis articulistas que xa participaron nos números anteriores desta gaceta: Martín Fernández Vizoso, Carlos Álvarez Lebredo, Toni Deaño, Pablo Rodríguez (Vivin), María José Fernández Azpeitia e Carmen Cruzado.

Tamén se inclúen textos sobre o Ribadeo Indiano do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; do alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia; e do presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo, David Martínez Martínez.

Ademais nesta publicación poderán atopar outros contidos, como o programa completo de actividades do Ribadeo Indiano 2017 e un gran número de fotografías captadas durante a celebración deste evento na edición do ano pasado.