
O grupo de música e baile tradicional Xacarandaina actuará este domingo, día 19 de xullo, ás 19.00 horas na Praza da Mariña, de Burela, dentro do programa Danza3.
O Concello de Burela anuncia tamén que “durante o espectáculo a formación ofrecerá unha mostra de distintos bailes, músicas e traxes tradicionais de Galicia, elementos que forman parte do Patrimonio Cultural Inmaterial galego. A piques de cumprir 50 anos de traxectoria, Xacarandaina está considerado un referente na conservación, divulgación e dignificación do folclore galego. A actuación chega a Burela grazas ao programa Danza3, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación XOC”.
A concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, destacou a importancia de contar con esta actuación na programación cultural do municipio: “é unha satisfacción poder traer a Burela unha agrupación do prestixio de Xacarandaina. Apostar pola música e o baile tradicional é apostar pola nosa identidade e por manter vivo o noso patrimonio cultural a través de espectáculos de gran calidade. Ademais este tipo de actuacións tamén serven para poñer en valor o importante traballo que desenvolven durante todo o ano as asociacións de música e baile tradicional do noso concello. Agardamos que a praza da Mariña volva encherse para gozar dunha tarde de cultura e tradición galega”.


