A Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro impulsará un mural artístico que realizará Dani Caxete na Avenida de Lourdes

A Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro continúa coa aposta pola difusión do patrimonio relixioso e cultural da vila cun novo proxecto artístico: un mural de gran formato que se situará na contorna da Avenida de Lourdes. A obra estará dedicada á figura do Cristo da Agonía, un dos símbolos centrais da Semana Santa viveirense, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

O mural será realizado por Dani Caxete, muralista e fotógrafo galego afincado en Madrid cuxa traxectoria foi recoñecida en varios países. “O seu estilo caracterízase pola forza expresiva e a profundidade simbólica e encaixa á perfección co espírito da Semana Santa de Viveiro”, explica o Concello.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destaca que “este proxecto é unha mostra máis de como tradición e arte poden unirse para reforzar a nosa identidade como pobo. O mural converterase tamén nun atractivo cultural e turístico que permitirá reflexionar sobre o legado espiritual da nosa cidade”.

O Concello engade que “a intervención non só busca embelecer o espazo urbano senón tamén poñer en valor as raíces relixiosas e culturais de Viveiro, achegando a tradición ás novas xeracións e manténdoa viva ao longo de todo o ano”.