A XXXVII Marcha Cicloturista Monte San Roque, de Viveiro, será o 14 de setembro

A XXXVII Marcha Cicloturista Monte San Roque, de Viveiro, celebrarase o domingo 14 de setembro cun percorrido de arredor de 75 quilómetros que atravesará os concellos de Viveiro, Ourol e Muras. A saída está prevista ás 9.00 horas desde a Praza Maior de Viveiro.

O Concello de Viveiro anuncia que “a proba, de carácter non competitivo, combinará tramos de rodaxe con dous sectores libres nos que os participantes poderán medir forzas, mantendo en todo momento o espírito lúdico e deportivo. O momento culminante chegará coa tradicional subida final ao Monte San Roque. A ruta aposta polas estradas interiores, que permitirán descubrir a riqueza natural e paisaxística da contorna. Haberá dous puntos de avituallamento sólido e líquido: un no tramo cronometrado, entre os quilómetros 30 e 35, e outro na meta, situada na cima do Monte San Roque”.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, salientou durante a presentación da proba que “esta marcha é un clásico do calendario cicloturista galego e unha das mellores formas de promocionar Viveiro como destino deportivo e natural. O monte San Roque non só é un reto para os ciclistas senón tamén un lugar de encontro que simboliza a unión entre deporte e paisaxe”.

As inscricións permanecen abertas a través da web da Federación Galega de Ciclismo (www.fgalegaciclismo.es).