![O auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, estreará o 27 de novembro a súa nova pantalla coa proxección da película de animación "Espírito do bosque".](https://www.faroocionorte.com/sites/default/files/styles/juicebox_medium/public/field/image/pantallag.jpg?itok=_6kLrICz)
O auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, estreará este domingo, día 27, ás 19:30 horas a súa nova pantalla coa proxección da película de animación Espírito do bosque. A entrada será libre e gratuíta. Esta actividade foi presentada hoxe polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Cultura, Dolores García.
A edil explicou que “desta maneira estrearemos a pantalla que foi instalada no auditorio de San Ciprián o mes pasado e comezaremos un ciclo de cine que continuará en decembro. Con este motivo regalaremos palomitas de millo aos asistentes para festexar a posta en marcha dun proxecto polo que apostamos dende o Concello, que é traer diferentes proxeccións á Casa da Cultura”.
Ademais Dolores García anunciou que “durante o mes de decembro, aproveitando as datas de Nadal, proxectaranse outras tres películas de animación, pero tamén se programarán filmes para maiores e mozos. Temos a intención de proxectar diferentes formatos como películas ou documentais entre outros, durante o vindeiro ano 2017”.