Os días 13 e 14 de agosto terá lugar a XI Concentración de kaiaks de mar Praia das Catedrais, que reunirá a preto de medio centenar de participantes.

Os días 13 e 14 de agosto terá lugar a XI Concentración de kaiaks de mar Praia das Catedrais, que reunirá a preto de medio centenar de participantes.
 
Esta fin de semana terá lugar a XI edición da Concentración de Kaiaks de mar praia das Catedrais organizada polo club de piragüismo Altruán coa colaboración do Concello de Ribadeo. Nas probas que se desenvolverán durante o sábado e o domingo participarán preto de medio centenar de palistas.
 
O concelleiro de Deportes, David Rivas, subliñou na presentación celebrada na tarde de onte no Concello que “son uns días que non son unhas xornadas deportivas ao uso pensando en xornadas deportivas como xornadas competitivas, senón que son máis unhas xornadas de convivencia entre persoas de moi diferentes idades e vidas de diferentes latitudes que teñen en común a paixón polo kaiak e a paixón polo mar. Unha paixón que en Ribadeo entendemos perfectamente porque é verdade que a nosa historia vai estreitamente ligada tanto á ría como ao comercio marítimo”.
 
O edil nacionalista dixo que “en Ribadeo sempre presumimos de contar cun litoral privilexiado e este tipo de eventos eu penso que nos dan a oportunidade de gozar del dunha maneira única e que tamén é moi importante, respectuosa e sostible”.
 
O concelleiro de Deportes recoñeceu e agradeceu “o traballo do club de piragüismo Altruán porque sabemos o difícil que é organizar este tipo de eventos e un ano máis vai colocar a Ribadeo no centro das olladas dos practicantes deste deporte. Desde o Concello queremos dar a benvida aos participantes nesta concentración e queremos animalos a que unha vez estean aquí aproveiten a variada oferta deportiva, cultural e gastronómica coa que conta Ribadeo nestas datas de verán”.
 
David Rivas finalmente manifestou que “lle desexamos ao club que a concentración sexa un éxito tanto a nivel organizativo como de participación, que o tempo acompañe e o estado da mar sexa óptimo para facer disto un evento único”.
 
Pola súa banda o presidente do club de piragüismo Altruán, José Ángel Fernández, quixo “aproveitar a oportunidade que nos concede o Concello de Ribadeo para presentar a XI edición da nosa Concentración de Kaiaks de mar. É unha oportunidade que temos os do club de piragüismo Altruán en centrarnos no que é na disciplina específica da navegación oceánica en kaiak, por así dicir esquimal, e collendo o que é o formato das concentracións ao uso. Buscamos unha analoxía coas concentracións moteiras e cambiamos o que é o sistema de locomoción por un kaiak oceánico, un kaiak esquimal”. 
 
José Ángel Fernández salientou que “temos xa unha inscrición bastante avanzada. Remata xa o prazo e aproximadamente veñen de fora unhas trinta persoas e máis uns dez tripulantes locais, andaremos sobre unha cifra que case todos os anos é a acostumada de 40 ou 45 persoas navegando, máis os acompañantes”. 
 
O presidente do club de piragüismo Altruán detallou que “a actividade desenrolarase tanto o sábado como o domingo con actividades de navegación libre. Nós contamos con que a primeira hora do venres empecen a chegar os primeiros. Este ano os que veñen de máis lonxe son dous rapaces que chegan desde Girona, rapaces de corenta e pico anos porque esta é unha disciplina moi aberta a calquera tipo de idade”.
 
Finalmente José Ángel Fernández quixo “de novo agradecer o apoio totalmente decidido do Concello non soamente nesta actividade senón en todas as demais do club de piragüismo Altruán, e ademais de co apoio directo económico con toda unha serie de recursos que é o que permite que todo este tipo de actividades se poida levar a bo fin”.
 
Ao acto celebrado onte á tarde no Concello de Ribadeo asistiu a alcaldesa en funcións, Ana Martínez, e tamén a piragüista Saleta Martínez Tella.