Unhas 80 autocaravanas de diferentes puntos de Galicia reúnense do 20 ao 22 de febreiro en Cervo. Alí inaugúrase un área para elas, que está situada preto do campo de fútbol.

Unhas 80 autocaravanas de diferentes puntos de Galicia reúnense do 20 ao 22 de febreiro en Cervo. Alí inaugúrase un área para elas, que está situada preto do campo de fútbol.
 
Esta fin de semana celébrase no municipio unha concentración promovida pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) coa colaboración do Concello de Cervo. Un evento no que participarán unhas 80 autocaravanas e unhas 200 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, que se xuntarán na praza dos Campos dende hoxe e ata o domingo.
Uns días nos que os propietarios dos vehículos e as familias percorrerán o municipio, visitando a fábrica de Sargadelos, o Conxunto Histórico Artístico ou a carpintería de ribeira entre outros puntos emblemáticos. Ademais, cabe destacar que o domingo pola mañá haberá unha xornada de portas abertas na que algunhas caravanas abrirán as súas portas en exposición para o público que as queira visitar. 
Entre os actos, cabe destacar a inauguración da área de estacionamento de autocaravanas situada nas inmediacións do campo de fútbol da Veiga e da praia da Caosa. Un espazo que conta con servizos como o baleirado de augas procedentes do WC e as augas grises, e un punto de captación de auga para lavar e encher os depósitos. Esta área está debidamente sinalizada e tamén existen sinais que indican a súa localización en diferentes puntos do municipio. 
Esta área “permitirá ampliar as posibilidades de promoción do noso concello, xa que este é un turismo que move visitantes durante todo o ano, e que está en auxe. Polo tanto, agardamos que esta nova dotación sirva para dar a coñecer o noso concello abrindo as portas tamén ás autocaravanas” explica o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto.